Wednesday 08 de May de 2024

O Museo Valle-Inclán pobrense participa na xornada Diagnose e Necesidades do Museo Local


Co obxectivo de analiza-lo futuro dos museos locais, do día 4 ao 6 de novembro desenvolverase a xornada Diagnose e Necesidades do Museo Local no Auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

A dita xornada organízase no marco do programa A Cultura é un Dereito da área da Cultura da Deputación da Coruña e reunirá preto de 20 profesionais da museoloxía. Entre as institucións museísticas que participarán con relatorios e en mesas redondas atópase o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. A técnica municipal deste, Araceli Abad, quen é tamén comisaria da xornada, acompañará o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, no acto de apertura.

Así mesmo, o director do Museo pobrense, Antonio González, foi convidado a participar coa impartición do relatorio de clausura da xornada no 6 de novembro. Baixo o título Do caos á especialización: o exemplo das boas prácticas do Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal), a conferencia versará sobre a evolución histórica da Casa Museo e, deseguido, terá lugar unha mesa redonda de profesionais da museoloxía. Precisamente, a traxectoria profesional e a dinámica de especialización deste centro nas últimas décadas sitúano actualmente entre os museos de titularidade municipal mellor valorados de Galicia.